cabeceira_gal

Tres Fuciños

cooperativa de pequenos produtores de porco celta

Tres Fuciños lidera un proxecto de innovación na crianza do porco celta

A maioría dos produtos de porco celta existentes no mercado proveñen de animais que foron criados dunha forma moi heteroxénea (tipo de alimentación, ritmos de crecemento, momento do sacrificio,…). Isto é debido a que, en xeral, os elaboradores parten de canais adquiridas aos criadores, sen que exista unha coordinación entre eles. Como resultado, os mesmos produtos elaborados presentan características variables e, ademais, non chegan a aproveitar toda a riqueza da materia prima coa que son feitos, dando pé a un “certo desconcerto” no seu consumo.

En Tres Fuciños vimos de cambiar esta situación. Ser á vez criadores e elaboradores permítenos perfeccionar de forma continua as pautas de crianza para garantizar que a calidade dos nosos produtos elaborados sexa sempre a óptima. Nesta liña, estamos a liderar o proxecto de innovación “Novos sistemas de manexo e implantación dun sistema de clasificación de canais de porco celta” (FEADER 2017/006b), en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne – CTC, ASOPORCEL, e a Unión de Cooperativas – AGACA.No marco deste proxecto, avaliaranse tres tipos de alimentación comparándoa coa convencional, variando as idades dos lotes de finalización. Ademais da calidade da carne, valorarase a calidade da canal dende o punto de vista da valoración da súa conformación e do estado de engraxamento así coma para un óptimo despezamento das canais. A adaptación da Regleta ZP ás canais de porco Celta plantexada neste proxecto, suporá un método rápido, sinxelo e eficaz de clasificación que permitirá a utilización eficiente dos recursos ao incrementa-lo rendemento do despece deste tipo de canais.

No seu conxunto, o proxecto titulado “Novos sistemas de manexo e implantación dun sistema de clasificación de canais de porco Celta” posibilitará o establecemento de normas para unha clasificación homoxénea e normalizada das canais desta raza porcina autóctona, a definición de certos criterios de comercialización e maila adecuación da alimentación e da idade de sacrificio, promovendo así a competitividade, o desenvolvemento e a consolidación da gandaría de porco celta.

Tres Fuciños coordina o proxecto e encárgase das tarefas de cría dos animais e xunto cos técnicos de ASOPORCEL do seguimento e control do plan experimental, AGACA coma responsable das iniciativas de difusión e contando co apoio do Centro Tecnolóxico da Carne para a análise da calidade de carne e desenvolvemento da Regleta ZP adaptada.

Este proxecto, cuxa duración vai desde agosto de 2017 a outubro de 2019, conta co apoio da Xunta de Galicia e do FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) no marco do PDR (Programa de desenvolvemento rural) de Galicia 2014-2020, mediante o programa de axudas para execución de proxectos dos grupos operativos da AEI (Asociación Europea da Innovación). Conta cun orzamento de 99.850,50 € subvencionado ao 100% e financiada cun 75% con fondos FEADER, 22,5 % fondos propios da Xunta de Galicia e 2,5 % fondos do MAPAMA.



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *