cabeceira_gal

Tres Fuciños

cooperativa de pequenos produtores de porco celta

o noso porco celta

A Celta é a raza porcina autóctona, que era criada de xeito rústico e tradicional en Galicia, en semiliberdade e aproveitando os recursos naturais da horta e o monte galego, ademais da súa ración de cereais. É unha raza perfectamente adaptada ao noso medio e as súas condicións.

Ao tratarse dunha raza porcina de baixo rendemento cárnico e lento crecemento, pois é preciso todo un ano para conseguir unha canle de 110 kg, este animal foi paulatinamente substituído por outras razas de maior e más rápido rendemento, como o “porco branco”, quedando ao borde da desaparición.

O porco celta sobreviviu confinado nunhas poucas explotacións familiares de criadores “románticos”, sendo co nacemento de ASOPORCEL (Asociación de Criadores de Porco Celta) no ano 1999 cando se comeza a revitalizar a crianza, mediante o estudo, a divulgación e a identificación xenética sistemática, estimándose que na actualidade existen uns 2.000 exemplares en Galicia.

Un dos alicerces para a consolidación e recuperación do porco celta é facer da súa crianza unha actividade económica sostible. Este é un dos motivos de ser da nosa cooperativa, que se propuxo darlle valor á outra cara da moeda do crecemento lento e baixo rendemento cárnico do porco celta. Estes ritmos de desenvolvemento, xunto cunha alimentación natural e o réxime semiextensivo, fan que ao finalizar o período de crianza queden impresas na canal do porco celta unhas características organolépticas que lle proporcionan un sabor superior, ademais dunha maior salubridade.

Tres Fuciños encárgase da elaboración dos produtos derivados dos porcos que son criados nas súas pequenas explotacións, facendo que chourizos, xamóns, salchichóns, etc. cheguen directamente ao consumidor sen intermediarios e que ademais se conserve toda a calidade e riqueza presente na súa materia prima.