cabeceira_gal

Tres Fuciños

cooperativa de pequenos produtores de porco celta

quen somos

Tres Fuciños é unha cooperativa de pequenos produtores e produtoras de porco celta, o porco autóctono galego, que se uniron a finais de 2016 para facer chegar de forma directa a súa produción ás persoas interesadas na alimentación de calidade, saudábel e biosostíbel, transformando con iso en rendibles e sostibles as nosas explotacións. A nosa cooperativa suma na actualidade a once criadores co obxectivo de superar o individualismo que rexía a crianza do porco celta en Galicia, compartindo sinerxías e coñecementos na mellora da crianza do noso porco autóctono.

As explotacións dos cooperativistas de Tres Fuciños atópanse espalladas por toda Galicia: Friol, A Cañiza, Carballedo, Outes, … Trátase de granxas de crianza extensiva (semiceibos, ao aire libre) naturalmente integradas na contorna rural do país.

En Tres Fuciños queremos presentarnos á sociedade como un grupo de criadores modestos que utilizamos os medios naturais locais e os saberes tradicionais na crianza do porco autóctono e na elaboración dos seus derivados. Uníndonos, somos quen de elaborar produtos diferenzados e de alta calidade; co ingrediente adicional que implica a recuperación da alimentación saudábel e respectuosa coa sustentabilidade natural e as boas tradicións.